A romaría de Xelmírez, orixinalmente A romeiría de Xelmírez,[1] é unha novela histórica en lingua galega de Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1934 pola Editorial Nós.
Trama
A comezos do século XII, o bispo compostelán Diego Xelmírez diríxese a Roma para entrevistarse co Papa Pascual II co fin de lle solicitar a dignidade de poder portar palio. De camiño, pasando por Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria, Samos, Pedrafita do Cebreiro, Vilafranca do Bierzo, Astorga, León, Arévalo, Ávila, Toledo, Pamplona, Roncesvalles, Saint-Jean-Pied-de-Port, Tolosa, Cahors, Rocamadour, Limoges, Cluny, Milán, Abbiategrasso, Piacenza, Florencia, Arezzo e finalmente Roma. Na romaxe é acompañado por Xohán da Isorna, un trobador de Padrón.
Narración
A obra está narrada en terceira persoa cun narrador omnisciente. Nesta obra Otero Pedrayo combina o relato da ficción histórica coa descrición de paisaxes e lugares arquitectónicos.
O tempo da narración abrangue desde finais de agosto até comezos de novembro de 1104. Utilízase algunha analepse, para falar non só de momentos da viaxe, senón da mocidade do bispo. Os espazos aparecen descritos con ampla profusión.
Amais dos personaxes reais como Diego Xelmírez, o papa Pascual II e outros bispos e membros das curias das vilas polas que vai pasando, aparecen personaxes de ficción.
Edicións
A obra, rematada en decembro de 1933, foi editada en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 1934 co título de A romeiría de Xelmírez, con ilustracións de Castelao.[1] Foi reeditada por Editorial Galaxia en xuño de 1991, cun estudo introdutorio de Henrique Monteagudo.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Na edición orixinal, na cuberta leva o título de A romeiría de Xelmírez (Xelmírez con "X") e no interior A romeiría de Gelmírez (Gelmírez con "G").
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas