A Agrupación Deportiva Cortegada é un equipo de baloncesto feminino da localidade de Vilagarcía de Arousa (Galiza) fundado en 1987 e que actualmente compite na Liga Feminina 2, a segunda categoría do baloncesto feminino español.
Historia
A A.D. Cortegada ten as súas orixes no IES Miguel Ángel González Estévez do Carril, fundador do club e centro no que cursan os seus estudos boa parte das súas xogadoras.
O club foi fundado en 1987, consolidándose dende os seus inicios como un dos clubs máis preocupados polo traballo coa canteira coa intención de que Vilagarcía de Arousa contara cun equipo na máxima categoría do baloncesto feminino español. Na tempada 1996-97, o equipo sénior ascendeu á Liga Feminina, momento no que acadou a súa madurez e reforzou a súa estrutura para realizar un traballo coordinado de tódalas categorías. Con todo, a aventura do club vilagarcián na máxima categoría só durou un ano, xa que o equipo descendeu na tempada seguinte. Tras unha tempada na segunda categoría, a A.D. Cortegada ascendeu novamente á máxima categoría na tempada 1998-99, categoría na que ficou sete tempadas consecutivas ata o seu descenso na tempada 2004-05 tras finalizar na 13ª posición. Novamente a súa estadía na segunda categoría durou unha tempada, xa que o equipo se proclamou campión da liga e logrou o ascenso.
Na tempada 1999-2000 clasificouse por primeira vez na súa historia para disputar a Copa da Raíña en Valencia, clasificación que repetiría nas tempadas 2003-04, 2006-07 e 2007-08
Salientan tamén as súas dúas participacións de xeito consecutivo na EuroCup Women, a segunda competición de baloncesto feminino en Europa nas tempadas 2006-07 e 2008-09. Foi amais na estas dúas tempadas cando o club vilagarcián conseguiu a súa mellor clasificación na liga, acadando o 6º posto da táboa.
Na tempada 2009-10 produciuse o seu descenso de categoría, que novamente duraría un ano ao finalizar subcampioas da liga na tempada seguinte. A tempada 2010-11 foi a última que o equipo arousán competiu na máxima categoría, finalizando na 10ª posición e descendendo á segunda categoría.
Denominacións
- Inelga (1988-96)
- Mexillón de Galicia (1996-97)
- Cortegada (1997-99)
- Extrugasa - Muebles Carballo (1999-2002)
- Extrugasa (2002-11)
- Thetrend Social (2011-)
Véxase tamén
Ligazóns externas