É un corpo de 210 quilómetros de diámetro situado no cinto de asteroides entre os planetas Marte e Xúpiter e, mentres que a inmensa maioría dos asteroides coñecidos están constituídos por rocha e xeo, 16 Psyche é unha rareza pois está composto por ferro e níquel. Unha teoría apunta que o asteroide puido ser o núcleo metálico dun antigo planeta do sistema solar que tiña o tamaño de Marte e perdeu todas as súas capas exteriores fai miles de millóns de anos por colisións con outros corpos.
Presenza de auga
A instalación do telescopio infravermello nos observatorios de Mauna Kea da NASA deu a coñecer probas da presenza de auga ou ións hidroxilo no asteroide en outubro de 2016. Pénsase que a auga alcanzou Psyche grazas ós impactos doutros asteroides máis pequenos que conteñen substancias volátiles como carbono e auga.[3][4][5]
Valor comercial
Lindy Elkins-Tanton, a científica principal da misión da NASA a Psyche, estimou que se o corpo de 200 quilómetros de ancho puidese ser dalgunha maneira transportado á Terra, tan só o ferro acadaría un prezo de 10 000 cuadrillóns de dólares estadounidenses.[6]
Características orbitais
Psyche orbita a unha distancia media de 2,923 UA do Sol, podendo achegarse ata 2,524 UA e afastarse ata 3,321 UA. Ten unha excentricidade de 0,1364 e unha inclinación orbital de 3,099°. Emprega 1825 días en completar unha órbita ó redor do Sol.[1]
A NASA aprobou o 4 de xaneiro de 2017 un proxecto para explorar Psyche cunha sonda. Lindy Elkins-Tanton, da Universidade Estatal de Arizona e líder da misión, afirmou que 16 Psyche é o único obxecto da súa clase en todo o sistema solar e é a única forma de que os humanos visiten un núcleo planetario.
Está previsto o lanzamento da sonda espacial Psyche para xullo de 2022 a bordo dun foguete Falcon Heavy,[7] que entrará na órbita do asteroide o 31 de xaneiro de 2026.