Na mitoloxía grega, Ífito foi morto por Heracles ó ser acusado este de roubar unhas eguas propiedade do seu pai, Éurito, rei de Ecalia. Para expiar o asasinato, o oráculo ditaminou que servira como escravo e Hermes púxoo á venda, resultando ser Ónfale a compradora e ama de Heracles durante tres anos.
Ónfale era a raíña de Lidia (rexión situada no occidente de Anatolia) e filla do rei Iárdano (ou Iárdanes). Herdara o reino do seu home, Tmolo, que morreu corneado por un touro enfurecido por Artemisa como castigo por haber violado a Arripe, unha das cazadoras acompañantes da deusa. Con este Tmolo tivera un fillo, Teoclímeno, e algúns autores fana nai de Tántalo, un dos eternos condenados.
Éurito e Ífito
Éurito negara a Heracles a man da súa filla Iole, a pesar de que ganara o concurso de tiro con arco que o propio rei convocara propoñendo a filla como premio para o vencedor. Heracles, namorado de Iole, acudiu á competición e derrotou a todos, pero Éurito, que sabía que Heracles matara anteriormente ós seus propios fillos, non cumpriu o acordado. Cando Heracles ía marchar de Ecalia [1], denunciouse o roubo dunhas eguas do rei, e todos sospeitaron que Heracles fora o ladrón. Todos menos Ífito, que xa apoiara a Heracles contra o pai cando este non aceptou a súa vitoria, e que agora pediu a súa axuda para atopar os animais. Os dous buscáronnas xuntos, pero infrutuosamente.
Posteriormente, Ífito continuou a busca pola súa conta e seguiu as pegadas das eguas, que o levaron ata a casa de Heracles, en Tirinto. Cando lle pediu explicacións, Heracles díxolle que llelas vendera Autólico, quen resultou ser o verdadeiro ladrón. Ífito esixiu a Heracles que lle devolvera os animais pero este negouse, porque as comprara de boa fe. Discuten e ó final Heracles mata a Ífito lanzándoo desde o alto da muralla na que se atopaban nese momento.
Segundo Pseudo-Apolodoro, Heracles contrae unha grave enfermidade por este asasinato (quizais un novo acceso de loucura), e acudiu a consultar ó oráculo de Delfos sobre qué debía facer para curar. Outros din que foi para saber como purificarse tras este novo crime. A Pitia, obrigada por Zeus, contestou que debía venderse como escravo durante un período de tres anos e pagar a Éurito o importe da venda, como indemnización. Hermes [2] puxo á venda ó heroe e Ónfale comprouno por tres talentos, se ben Éurito rexeitou cobrar a recompensa [3]. A lenda deixa ver que a Ónfale lle interesaba Heracles máis como amante que como servo.
"Heracles obtivo un vaticinio que afirmaba que conseguiría librarse da enfermidade se era vendido, servía como criado durante tres anos e pagaba unha suma a Éurito como indemnización polo seu crime. En canto foi emitido o vaticinio, Hermes puxo a Heracles en venda e comprouno Ónfale, filla de Iárdano, raíña dos lidios, á que ó morrer lle deixara o trono o seu esposo Tmolo".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 6, 2-3)
Escravitude de Heracles
Durante este período de escravitude, os poetas clásicos narran distintas aventuras (como a captura dos Cercopes e a eliminación de diferentes bandidos e inimigos que infestaban o país, como Sileo e Litierses) así como as relacións amorosas do heroe con Ónfale. Tamén os artistas a fan aparecer ataviada cos atributos propios de Heracles (o arco, a maza e a pel do león de Nemea), mentres Heracles viste un largo manto e roupas femininas e aprende a fiar o liño ós pés dela, ou ben se deixa peitear ou facerse a manicura polas doncelas da raíña [4]. Tamén se di que este intercambio de roupa non foi outra cousa que un xogo erótico nunha gruta apartada. Claro que a lenda engade que estando unha noite durmindo en camas separadas, apareceu o deus Pan e meteuse na cama de Ónfale, pero quen realmente estaba era Heracles con vestidos de seda. Heracles botouna fóra da cama dunha patada e logo, xunto a Ónfale, ríronse del cando trouxeron luces e o viron escarranchado no chan [5]. Pan vingouse propalando o rumor de que o cambio de roupas con Ónfale era unha práctica habitual.
Unha das fazañas de Heracles ás ordes de Ónfale foi matar unha serpe xigantesca que devoraba os homes e acababa coas colleitas.
Tamén durante este tempo ten lugar a caza do Xabaril de Calidón, o que explicaría a ausencia de Heracles naquela partida de caza. Segundo Herodoto, tamén sucedeu a expedición dos Argonautas, polo que Heracles non podería ter participado [6], aínda que a maioría dos autores si que o contemplan participando nesta expedición.
Ó final, ou ben Ónfale libera a Heracles, admirada polas súas accións, ou ben Heracles cumpre os tres anos esixidos polo oráculo. En calquera caso, terminan casando. Tampouco hai acordo entre os autores cos fillos habidos desta unión: adoita admitirse que tiveron un fillo, chamado Axelao, segundo uns, ou Lamo (ou Lamón), segundo outros. Mesmo se cita tamén outro fillo: Tirseno (ou Tirreno). Para Graves tiveron tres fillos: Lamo, Axelao e Laomedonte
Heracles regaloulle a Ónfale a machada que colleu á Hipólita, raíña das Amazonas, cando a matou no noveno traballo, consistente en levar o cinto da raíña (que lle regalara o deus Ares) á filla de Euristeo.
Pseudo-Apolodoro afirma que, simplemente, cumpridos os tres anos de escravitude e curado daquela enfermidade (ou recuperada a cordura), Heracles deixa Lidia [7] e regresa a Grecia. Outras versión di que Ónfale descubriu a ascendencia do heroe e por iso deixouno libre, mandándoo a Tirinto cargado de regalos.
Iconografía e interpretación
A vida de molicie de Heracles e Ónfale reflíctese xa nas pinturas de Pompeia e nos mosaicos imperiais. A pintura da Idade Moderna tiene un carácter moralizante pero iso non impide unha marcada carga erótica, incidindo na actitude masculina dela e feminina del (Cranach o Vello, Rubens, Carracci ou Luca Giordano, entre outros).
A escravitude de Heracles interpretouse como unha alegoría da facilidade coa que un home, recio e forte, pode caer ó servizo dunha muller lasciva. O propio nome da protagonista, Ónfale, significa 'embigo', e era no embigo onde se situaba o centro da paixón feminina. Por outro lado, en épocas de matriarcado o rei podía representar á raíña nas cerimonias pero só se se vestía coas roupas dela, e son frecuentes as representacións en Lagash e Cnosos de homes en actitude cerimonial, pero vestidos con saias.
Notas
↑Noutras versións, Heracles responde á negativa conquistando a cidade, matando a Éurito e tomando a Iole como escrava.
↑Hermes era o responsable de tódalas transaccións importantes.
↑Diodoro escribe que a indemnización era para os fillos de Ífito (aunque o avó negouse a que a aceptaran, alegando que o sangue só se podía compensar con sangue). Sófocles, que o tempo de escravitude foi soamente de un ano.
ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 380.
GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 532, 565-576.
GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 32.
PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
Ligazóns externas
Esther García Portugués: "'Hércules y Ónfale' en Fastos de Ovidio. El texto llevado a la pintura", en IMAGO. Revista de emblemática y cultura visual, nº 3, 2011, 73-84. (en castelán)