Éomer é un personaxe ficticio do legendarium do escritor británico J. R. R. Tolkien. Aparece nos libros As dúas torres e O regreso do rei, o segundo e terceiro volumes da triloxía O Señor dos Aneis. A espada de Éomer chamábase Gúthwinë (en anglosaxón: gūð wine, "amiga de batalla").[1]
O nome Éomer deiva das raíces do inglés antigo para "cabalo" e "famoso".[2] O nome aparece no poema Beowulf, na liña 1959, como un rei que descende de Offa, rei dos anglos.
Aparicións
Literatura
Éomer (2991 T. E. - 63 C. E.) era fillo de Éomund, mariscal xefe da Marca,[3] e Théodwyn, irmá do rei Théoden de Rohan. Éomund morreu perseguindo unha banda de orcos en Estemnet no ano 3002 da Terceira Idade, e a súa esposa, movida pola tristura, seguiuno pouco despois. Théoden adoptou a Éomer e á súa irmá Éowyn criándoos como fillos[4] seus xunto a Théodred, o seu herdeiro. Á idade de 26 anos foi nomeado Terceiro Mariscal da Marca dos Xinetes e déuselle o mando do Folde Leste, cargo que ostentara o seu pai.[4]
Durante a Guerra do Anel deu caza ós orcos que levaban prisioneiros a Merri e Pipin, encontrándose despois con Aragorn, Legolas e Gimli e dándolles permiso para transitar por Rohan. Ó seu regreso a Edoras, esta medida custoulle perder o favor do rei Théoden, quen por consello de Gríma, mandouno prender. Non sería ata a chegada a de Gandalf e despois de romperse o feitizo que pesaba sobre Théoden, que o fillo de Éomund recibiría de novo as súas honras e prebendas. Éomer tivo un destacado papel na Batalla do Abismo de Helmo, onde Rohan conxurou a invasión dunlendina e a traizón de Isengarda, a onde cabalgou con Gandalf e Théoden para parlamentar con Saruman.
Ó morrer Théodred nos Vaos do Isen, Éomer convértese en herdeiro de Théoden, acudindo a Minas Tirith como Segundo Mariscal e sendo xa rei ó acabar a Batalla dos Campos de Pelennor, onde foi un dos principais capitáns do Oeste na vitoria. Como tal foi protagonista da batalla en Morannon e celebrou a vitoria final fronte a Sauron.
Acabada a guerra, Éomer está presente na coroación do rei Elessar, renovando a antiga alianza entre os seus dous reinos. Froito deste acordo chegaría a súa voda con Lothíriel, filla do príncipe Imrahil de Dol Amroth, coa que tería o seu herdeiro, Elfwineo Fermoso,[5] que reinaría despois del. Foi coroado en Edoras como Éomer I Éadig («o Afortunado»), primeiro rei da terceira liñaxe e décimo oitavo da Marca dende Eorlo mozo.
↑Solopova, Elizabeth (2009). Languages, Myths and History: An Introduction to the Linguistic and Literary Background of J.R.R. Tolkien's Fiction. Nova York: North Landing Books. p. 21. ISBN0-9816607-1-1.