Nas proximidades destes petróglifos tamén se atoparon indicios da posible existencia dun poboado da Idade de Bronce, polo que se cre que estes gravados foron realizados nesa época. A súa temática agrúpase en dous grandes bloques: xeométrico e naturalista, coa existencia dunha gran variedade de representacións como cervos, cazoletas, combinacións circulares e diversas figuras antropomórficas.
Características
Na Caeira hai petróglifos sinxelos con poucos motivos repartidos por varias zonas, pero dúas estacións formadas por grandes pedras son as que teñen un papel máis importante en todo este conxunto.
A Pedra Grande de Montecelo está formada por un amplo conxunto de combinacións circulares e constitúe un dos máis sorprendentes exemplos de motivos xeométricos nos petróglifos do Grupo Galaico de Arte Rupestre.
A Laxe das Lebres é un gran panel con representacións de cervos. Dous destes animais, posibelmente macho e femia, dispostos en simetría especular constitúen o seu elemento principal. A ambos lados pódense ver figuras antropomórficas como xinetes.
O concello de Poio conta tamén con grupos rupestres no Outeiro da Burata e no Monte Cruceiro, ambos na parroquia de Samieira. Ademais, o petróglifo de Pozo Ventura non pertence a esta zona arqueolóxica pero si está moi preto dela, no monte Liñares. A súa superficie está chea de motivos xeométricos, pero a súa singularidade vén dada por motivos que lembran as follas de alabarda.
Centro de interpretación
O Centro de Interpretación Arqueolóxica da Caeira inaugurouse o 18 de xuño de 2009.[1] Atópase na parroquia de San Salvador, xusto detrás do coñecido como Casal de Ferreirós. Alberga un proxecto expositivo no que os visitantes poden observar e coñecer polo miúdo as características dos petróglifos existentes no municipio.[2]
Ademais, o centro inclúe unha réplica exacta do petróglifo de Pozo Ventura, de características excepcionais na arte rupestre desta zona da Península Ibérica, e que lembra bastante a outras pezas atopadas en Irlanda ou na rexión da Bretaña.